- Fene acolle o próximo sábado 13 de xuño a presentación da peza gravada por Gael Ares, vencedor na categoría infantil do certame.
- Proximamente presentarase tamén en Ames o videoclip co tema gañador da categoría xuvenil, “Preto de ti”, de Emma&Candela.
Como parte do premio, os grupos e solistas gañadores do Concurso “Quero Cantar” de música infantil e xuvenil, organizado pola área de Cultura da Deputación da Coruña, teñen a oportunidade de acceder a un estudio profesional para perfeccionar as súas pezas gañadoras e arranxar novos temas. Tamén para gravar a base do que será o seu primeiro videoclip.
Foi o caso de Gael Ares, gañador da oitava edición na categoría infantil, quen logo de espremer ao máximo os consellos profesionais e gozar do traballo en estudio, vai amosarnos o ben que loce no audiovisual o seu talento artístico.
O resultado desvelarase a próxima fin de semana, o sábado 13 de xuño, cando teremos cita co artista no Museo do Humor do Concello de Fene desde as 12:00 horas. Como gañador na categoría infantil, Gael Ares foi premiado, ademais de con material musical e produtos culturais en galego por valor de 1500 euros, tamén coa gravación da maqueta en estudio profesional e coa gravación dun videoclip da canción gañadora presentada ao concurso. Deste xeito, a súa peza ‘Bule bule’, coa que gañou o favor do xurado en abril de 2025 durante a gala celebrada no Teatro Colón da Coruña, chega á pantalla, nun vídeo que ten como escenario as instalacións de Navantia, cos guindastres do estaleiro de fondo dunha actuación que conta coa colaboración du grupo de bailadores, nenas e nenos da localidade.
O evento de lanzamento do videoclip tamén incluirá conversa con Gael e a súa actuación en directo. A peza, logo da súa presentación pública esta fin de semana, estará dispoñible na canle de Youtube do concurso (https://www.youtube.com/@querocantar8892) e será divulgada nas redes sociais da iniciativa e da Deputación da Coruña.
Gael Ares
Nado en Fene, Gael Ares gañou o curso Quero Cantar na categoría infantil tendo daquela 11 anos de idade. Dende cativo os seus xoguetes preferidos foron os instrumentos musicais. Ten especial devoción pola música tradicional galega, coa que na actualidade experimenta fusionándoa coa música electrónica, como é o caso de ‘Bule-bule’, a peza gañadora. Un dos seus artistas preferidos é Davide Salvado, a quen coñeceu nun obradoiro con só catro anos. Davide permitiulle acompañalo no escenario en varias ocasións. Con 8 anos comeza a estudar música no Conservatorio de Ferrol, completando xa o grao elemental de contrabaixo. Tamén toca toda a percusión tradicional, ademais da gaita, desde os 5 anos, asistindo a clase co prestixioso gaiteiro Dani Bellón.

No Comments