No Teatro Colón da Coruña viviuse unha xornada intensa e emocionante coa gala final do Quero Cantar. Tres bandas infantís e tres xuvenís optaban aos premios do concurso musical con seis cancións que foran previamente seleccionadas por un xurado profesional. A gala comezou coa intervención da banda María Fumaça e contou coa presentación, a ritmo de regueifa, de Alba María.
Despois das actuacións, o xurado decidiu que o primeiro posto na modalidade infantil fora para Os Cortegadaos, de Cortegada, coa canción Eu quero ser unha árbore. O segundo premio gañárono Os Calistos, de Teo, con A princesa azul e o terceiro foi para As fantásticas, de Fisterra, co Blues do faro. En canto á modalidade xuvenil, o primeiro premio recaeu no grupo Pequenos Besbellos, de Pontevedra, con Faite respectar, o segundo foi para Noa, de Vila de Cruces, con Agora son eu e o terceiro para a banda de mozas Enxebres, tamén de Vila de Cruces, con Sempre combativa.
O grupo Os Cortegadaos apostou en Eu quero ser unha árbore por unha canción en que defendían a necesidade de ter “os pés na terra” e a “cabeza no aire” mentres Pequenos Besbellos fixeron un alegato contra o acoso escolar. Os temas de compromiso social foron protagonistas de boa parte das cancións presentadas polos grupos do Quero Cantar e, de maneira especial, a defensa de igualdade e a denuncia do machismo apareceu con forza en temas como A princesa azul dos Calistos , Agora son eu de Noa ou o Sempre combativa das Enxebres.