Na modalidade infantil resultaron finalistas os grupos @s Tareixas, de Redondela; Hush, de Teo e Sementarei, de Santiago de Compostela
Na modalidade xuvenil resultaron finalistas Daniela Montes, da Laracha; Interestelares, de Cangas do Morrazo, e esTilos, de Teo
O concurso de música infantil e xuvenil ‘Quero Cantar’ revela as propostas finalistas da súa sétima edición. As formacións e solistas seleccionadas teñen agora a oportunidade de interpretar os seus temas en directo e engaiolar o xurado na gala final que se celebrará como cada ano no Teatro Colón da Coruña, neste caso o sábado 20 de abril, ás 19:00 horas.
A gala estará presentada pola actriz e contadora Soledad Felloza e, alén das actuacións dos grupos e solistas que chegan á final, contará tamén sobre o escenario coa banda convidada Onda Dagda, que conta entre os seus membros con participantes de edicións anteriores do Quero Cantar. A asistencia á gala final será de balde, previa retirada de convite na web do Teatro Colón (a través da plataforma www.ataquilla.com).
As finalistas desta VII edición do ‘Quero Cantar’ foron seleccionadas por un xurado composto por persoas vinculadas profesionalmente ao mundo da música. Nesta ocasión, a difícil decisión tocoulle a Ángeles Dorrio, Silvia Penide, Sofía Espiñeira, Brais das Hortas e Mondra. O xurado estivo presidido pola deputada de Cultura, Natividad González Rodríguez, actuando como secretaria a xefa do Servizo de Acción Social, Cultural e Deportes, Mercedes Fernández- Albalat. Tamén estivo presente, sen voz e sen voto, o comisario do concurso, Tono Formoso. Organización e xurado destacaron a alta participación no concurso e a elevada calidade das pezas presentadas, o que prolongou e complicou a decisión final.
Lembramos que o ‘Quero Cantar’ contempla dúas modalidades: infantil (ata 12 anos con presenza dunha persoa adulta), e xuvenil (de 13 a 16 anos). Na gala final, o xurado estará integrado por nenos e nenas e por mozos e mozas do mesmo abano de idade que as bandas e solistas seleccionadas para a final.
Finalistas na categoría infantil
@s Tareixas é un grupo de Redondela, integrado por un pai e os dous fillos, nena e neno, cunha canción sobre a súa avoa, titulada “A cadeira da avoa”.
HUSH é un grupo de seis nenas e nenos que estudan na escola ‘Entre Caixas’, de Calo, Teo. O seu é o rock clásico e a canción coa que se presentan ao concurso chámase “Estaría ben”.
Sementarei é un grupo de seis nenas e nenos estudantes das Escolas de ensino Semente, de Santiago de Compostela. Chegan á sétima edición do concurso coa canción titulada “Umha valsa para Gaza”, que quere ser un alegato contra o xenocidio en Gaza.
Finalistas na categoría xuvenil
Daniela Montes é unha solista da Laracha que se acompañará na súa actuación co piano. Presentaranos unha canción de desamor titulada “Non todo era malo”.
Interestelares é un grupo de catro nenas e nenos de Cangas do Morrazo que chega ao concurso coa canción que titularon “Lume”. A peza está inspirada nun suceso real: o incendio que ameazou gravemente a casa da compositora do grupo.
esTilos é un grupo formado exclusivamente por guitarristas, rapaces e rapazas, alumnos de guitarra nas clases de Miguel Alonso no seo da asociación cultural e recreativa Os Tilos, de Teo. Presentáronse coa canción “Ollos mentireiros”, unha peza contra os estereotipos de beleza.
Lucas
•6 meses ago
Vamos HUSH!!!!!!